Página de inicio

Que é?

O Plan Proxecta é unha iniciativa da Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional, en colaboración con diferentes organismos, dirixida a fomentar a innovación educativa nos centros a través de programas educativos que desenvolvan as competencias clave como eixe do currículo e os elementos transversais, nos cales se inclúe a educación en valores.

Trátase dun plan que busca un avance nas dinámicas de mellora da calidade educativa e favorecer a innovación nos propios centros a través de programas externos que leven á motivación e ao traballo activo, cooperativo e en rede, do alumnado e do profesorado implicado. Para iso, un dos principais obxectivos deste plan é promover a realización de proxectos interdisciplinarios que poidan servir de modelo de traballo ou de boa práctica, tanto para o propio centro en que se orixinan como para o resto da comunidade educativa galega.


“Memoria da industria, memoria do mar”

Programa: Educación Patrimonial


Introdución

O Instituto de Ensino Secundario Pobra do Caramiñal está situado no concello que lle dá nome, limitando cos concellos costeiros de Ribeira, Boiro e Porto do Son.

A orixe desta poboación está relacionada coa unión na década de 1830 da vila da Pobra do Deán coa aldea mariñeira do Caramiñal. Un dos factores claves da súa fundación foi, como ben se percibe da súa trama urbana, a actividade pesqueira. A capital do concello presenta un crecemento lonxitudinal que acompaña a enseada da Merced, e como na maioría dos núcleos mariñeiros da costa galega, as vivendas van formando pequenas rúas e corredoiras que, nun sentido son perpendiculares á liña costeira (facilitando o acceso ao mar desde as vivendas) e, noutro, paralelas (facendo abrigo dos ventos).

Dentro da vila pódense distinguir tres zonas, as dúas fundacionais, a Pobra do Deán e o Caramiñal, onde atopamos a maioría dos edificios singulares e casas mariñeiras, e unha terceira máis moderna, creada a mediados do século XIX coa chegada da burguesía catalá, o “Barrio do Areal” ou “Barrio dos cataláns”. Neste último barrio chegáronse a establecer ata dezaoito industrias de salgadura de sardiña, nove de conserva e numerosas vivendas de gran singularidade e beleza, vinculadas directamente coa zona de traballo e almacén. 

O IES Pobra do Carmiñal sitúase ao final da praia do Areal, nun diálogo continuo co pasado e co presente do sector pesqueiro na Pobra. Dunha banda, o noso alumnado atravesa a diario o Barrio dos Cataláns para chegar ao centro, cos seus edificios abandonados, que menos dun século atrás trouxera o esplendor social e económico á comarca. Doutra, poucos son os días nos que o alumnado non se atopa fronte ao centro, ben á primeira hora, ben á saída, con decenas de mariscadoras (e mariscadores) recollendo os tan prezados produtos das nosas augas. E todos os días, como pano de fondo do centro, as bateas.

Como é de esperar, moitas das familias do alumnado do IES da Pobra do Caramiñal están empregadas ou dependen do sector pesqueiro; desde pais, nais, avós, bisavós, etc. Con todo, son moitos os alumnos e as alumnas que non coñecen a historia da súa contorna: a da aldea mariñeira fundacional, a fonda pegada das industrias de salgadura creadas por empresarios cataláns cos que moitas veces comparten apelidos, a das nais e avoas cabezas de familia que compaxinan duros  labores extractivos e conserveiros, a das redeiras da veciña Aguiño, o importantísimo papel e impacto da muller no sector, as historias de vida e loita que viviron os seus parentes no mar e un longo etcétera.

Neste contexto, o Proxecta concíbese como un proxecto integrador de centro, no que se convida a participar a todo o profesorado co obxecto de que a súa temática, “Memoria da industria, Memoria do mar” poida servir como fío condutor dos distintos contidos e materias, e permita conectalas, dunha maneira transversal, co contexto social, económico e patrimonial da Pobra do Caramiñal. Deste xeito, fomentarase un traballo interdisciplinar entre departamentos, que estableza relacións non só entre materias, senón entre estas e unha realidade próxima ao alumnado, que o conecte coas súas raíces e aumente a súa motivación permitíndolles realizar unha aprendizaxe máis significativa. Por último salientaremos que o centro conta con diversos proxectos xa en marcha cos que se quere establecer unha sinerxía, ao mesmo tempo que dotalos de contidos, próximos aos intereses dos estudantes, que acheguen un valor engadido. Entre eles mencionar o Club de vídeo, Club de lectura, Grupo de Igualdade, Titoría entre Iguais,  Biblioteca, Erasmus + e Equipo de Dinamización da Lingua Galega. Grupos dispostos a traballar a favor deste Proxecta, e que contan cunha longa historia de éxitos, premios e traballos desenvoltos co maior rigor, intención e ilusión, co obxecto de que o alumnado do IES da Pobra do Caramiñal realice unha aprendizaxe que promova valores sociais como a igualdade, a xustiza e a cooperación.


Obxectivos

O obxectivo principal perseguido é que o alumnado coñeza a historia do seu municipio e a súa ligazón á industria pesqueira a través de diversos enfoques:

– Desde un enfoque puramente estatístico, queremos que coñezan a importancia do porto da Pobra do Caramiñal (primeiro porto de descarga de túnidos en Europa), e as posibilidades económicas que iso representa, así como das cifras (emprego, produción, salarios,…) que manexan as industrias conserveiras e extractivas da zona.

– Desde un enfoque histórico, pretendemos que este proxecto conecte o pasado onde están as súas raíces, co presente mariñeiro da Pobra e isto permita crear no alumnado un sinal de identidade sólido que mire cara ao futuro.

– Desde un enfoque social, é prioritario para nós ofrecer unha visión en igualdade que poña en valor o papel da muller no desenvolvemento da historia colectiva do concello, o seu peso social e de cabeza de familia fáctico, compaxinado cas duras labores extractivas e conserveiras.

– Desde un enfoque emocional. Queremos que esta iniciativa sirva tamén para estreitar os lazos familiares e veciñais: que o alumnado indague e coñeza as historias de vida e loita relacionadas co mar que viviron ou seus parentes e valoren que forman parte da historia das súas familias.

Para o centro e o profesorado

– Integrar os diferentes departamentos didácticos nun mesmo labor pedagóxico de xeito que se creen canles de cooperación pedagóxica que no futuro poidan xerar outras aprendizaxes en común.

– Favorecer ámbitos de aprendizaxe exitosos que xeren benestar e potencien a ilusión por aprender e desenvolver as competencias das persoas.

– Potenciar a aprendizaxe por competencias e a aprendizaxe baseada en proxectos para propiciar unha renovación na práctica docente e no proceso de ensino e aprendizaxe.

Para o alumnado

– Fomentar a utilización de ferramentas dixitais en producións textuais, gráficas e plásticas.

– Desenvolver destrezas básicas na busca de información, para cun sentido crítico, adquirir novos coñecementos.

– Desenvolver o espírito emprendedor e a confianza, participación e sentido crítico.

– Comprender e expresarse en máis dunha lingua de maneira apropiada

– Coñecer, valorar e respectar os aspectos culturais e históricos propios, así coma o noso patrimonio artístico e cultural.

– Achegar ao alumnado á práctica artística e á improvisación como outras canles de comunicación a explorar na súa formación.

Para toda a comunidade educativa

– Fomentar a utilización da lingua galega por parte das persoas participantes tanto nos contextos formais como informais de participación.

–  Potenciar a utilización da lingua galega como vertebradora de calquera aprendizaxe posterior.

–  Fomentar o coñecemento dos contidos e do traballo desenvolto mediante as redes sociais.

– Crear material cunha alta replicabilidade que permita a continuidade das diferentes liñas do proxecto neste ou noutros centros.

– Involucrar a sociedade na aprendizaxe poñendo en valor o moito que os falantes saben mesmo sen seren conscientes.


O proxecto


Fotos aéreas 1986 do Barrio do Areal. Recuperado de: http://centrodedescargas.cnig.es/CentroDescargas/catalogo.do?Serie=PNOAH#

O proxecto tal e como fora deseñado quedou truncado debido á irrupción do estado de alarma. A continuación pódense consultar as actividades orixinais, mentres que nas pestañas superiores fíxose unha selección dos millores traballos presentados aos “microproxectos” deseñados para a adaptación dos obxectivos iniciais á nova situación debido á pandemia.


Ao longo do curso realizaranse, dun xeito interdisciplinar e dende diferentes materias (Educación Plástica, Investigación e Tratamento da Información, Ciencias, Matemáticas, Música, Oratoria, Tecnoloxía, Xeografía e Historia e todas as Linguas) os seguintes proxectos, accións e intervencións:

ENFOQUE ARTÍSTICO

– Concurso fotográfico e concurso de curtametraxes aberto a todo o alumnado do centro co tema “Memoria da industria, memoria do mar”.

– Sesión de “Sound Painting” na praia do Areal. Composición multidisciplinar en vivo, na que se entrelaza música, pintura, oratoria e danza. O desenvolvemento desta acción será filmado e fotografado para a súa exposición.

APROXIMACIÓN MATEMÁTICA E HISTÓRICO-SOCIAL

– Análise do impacto do sector pesqueiro (emprego, produción,…) no pasado en no presente na área, con especial atención ao papel da muller en cifras.

APROXIMACIÓN MATEMÁTICA E XEOGRÁFICA

– Busca e tratamento da información das superficies dedicadas á industria pesqueira na zona ao longo da historia.

APROXIMACIÓN LINGÜÍSTICA

– Realización de receitario con produtos mariños, información do valor nutricional e custo por prato.

– Investigación sobre os apelidos e alcumes relacionados co mar ou coas conserveiras catalás.

– Recompilación de refráns e cancioneiro entroncados cas tradicións mariñeiras, e compilación artística con gravados de nós mariñeiros.

– O mar tamén ten xeografía e os seus recunchos tamén teñen nomes propios.

TICS

– Elaboración dunha App na que ubicar algúns dos contidos elaborados

– Creación dun blogue e páxinas en redes sociais que permitan a difusión.

ACTIVIDADES DE DINAMIZACIÓN

– Realización de sesións de debate sobre o futuro  do patrimonio industrial. Exposición de arquitecto e o seu proxecto de reconversión da industria conserveira na Pobra.

– Obradoiro de nós mariñeiros, pandeireta e canto de cancións mariñeiras.

– Visita a diversas instalacións relacionadas coa conserva e transformación dos produtos do mar, así como a estaleiro tradicional de embarcacións de madeira situado nas proximidades.

– Debates e xornadas que fomenten o pensamento crítico e a reflexión, o coñecemento por parte do alumnado da historia das súas familias e veciños, así coma do seu territorio.

PRODUTOS FINAIS

– A información obtida ó longo desta investigación (datos cuantitativos, cualitativos, gráficas, fotografías e textos) será a base para a creación dunha exposición de paneis multilingües que está previsto exhibir na Casa da Cultura ou Casa Mariñeira (oficina de turismo). Nela atoparanse traballos como: “O mar e A Pobra en cifras”, “As bateas do Caramiñal”, “As nosas mulleres e o mar”, …

– Creación de trípticos compostos por un mapa e un roteiro pola industria conserveira abandonada próxima ao instituto para a oficina de turismo municipal. Disposición no roteiro de paneis con códigos QR que permitan acceder a arquivos de audio multilingües sobre os diferentes puntos de interese do percorrido realizados polo alumnado, nos que conten o pasado do lugar, as características do que se está a ver, así como unha reflexión do posible futuro destas áreas.

– Creación dunha app que permita acceder aos contidos elaborados e xeoreferenciados, así como a traveso de realidade aumentada, amosar o pasado e posible futuro da industria abandonada.

– Exposición final: Mostra de todos os proxectos realizados, así como explicacións do proxecto e das diversas actividades desenvolvidas na Casa da Cultura ou na “Casa Mariñeira”.

A metodoloxía empregada será activa e participativa, e basearase no método ABP (aprendizaxe baseada en proxectos). O alumnado traballará en equipo ao longo do curso na consecución dun obxecto final de calidade que sirva para a difusión do patrimonio material e inmaterial ligado á cultura do mar na Pobra.

IES da Pobra do Caramiñal. Curso 2019/2020

Design a site like this with WordPress.com
Primeiros pasos